O PNG entende que, para impulsar a economía galega, hai que estimular o I+D+i, o deseño, a transformación dixital, a produción e o comercio das Pequenas e Medianas Empresas (PEMES), dos autónomos e das startups, que xeran a maior parte da riqueza na nosa sociedade. Para iso, máis aló do desenvolvemento de políticas específicas sostidas no tempo emulando as mellores prácticas a nivel europeo e mundial, propomos tamén a redución de trámites burocráticos tanto para a súa creación como para o seu funcionamento; maior transparencia e estabilidade nas leis mercantís e fiscais relacionadas co mundo empresarial e a eliminación de subvencións que impliquen a discriminación dunhas empresas con respecto a outras. En xeral, o PNG eliminará todo tipo de medidas lexislativas, contratos ou subvencións que poidan facilitar unha política clientelar.

Un gran número de grandes empresas, principalmente as relacionadas coa produción enerxética, así como as grandes construtoras, non pagan os seus impostos no noso País. Por iso esixiremos unha tributación fiscal en Galiza correspondente coas actividades e negocios que leven a cabo en territorio galego. Á súa vez, denunciaremos a conivencia destas grandes empresas coa clase política, a corrupción das portas xiratorias para pagar favores aos políticos e o sistema de “capitalismo de amiguetes” que vai en contra dun mercado libre, innovador e competitivo.

Queremos avanzar cara á soberanía fiscal de Galiza. Para iso traballaremos para lograr un concerto económico galego similar ao que teñen outros territorios do Estado español como Euskadi ou Navarra, negociando o que Galiza debe pagar para manter os gastos comúns do Estado.

O Penegué esixirá todas as competencias relacionadas coa pesca, agricultura e minería que afecten o territorio galego. Queremos tamén as competencias exclusivas en materias relacionadas coa Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i) para adaptar os campos de investigación ás potencialidades e necesidades da realidade económica de Galiza.

Consideramos tamén indispensable o apoio e impulso das denominacións de orixe dos nosos produtos nacionais. E queremos impulsar de forma decidida a difusión da marca Galiza no mundo.