O PNG esixirá a transferencia plena das competencias en ensino sen posibilidade de interferencias do goberno español a través das leis-marco. O goberno galego redeseñará os currículos dalgunhas materias escolares de Primaria, E.S.O. e Bacharelato como son: Lingua e Literatura galegas, Ciencias Naturais e Ciencias Sociais. A propia cultura e historia galegas deben aumentar a súa presenza no ensino. De feito, o Penegué aspira a que como mínimo un terzo dos contidos de arte e historia estean dedicados á historia e arte galegas. Máis aló destas materias, o goberno galego poderá decidir os contidos de ata o 80% das materias artísticas, tal e como son Música, Plástica ou Arte. No ensino da literatura galega un terzo dos contidos da súa programación tratarán a literatura do resto dos países lusófonos, principalmente as literaturas portuguesa, brasileira e africana (Angola, Mozambique, Cabo Verde, Guinea-Bissau e San Tomé e Príncipe).

O Partido Nacional Galego reforzará o Sistema Universitario Galego dotándoo de máis recursos e ampliando o catálogo de estudos en áreas de especial interese para Galiza como son os estudos de deseño, antropoloxía , etc., así como a potenciación da formación permanente da cidadanía. Procurarase a atracción de talento internacional ao noso País.

En relación co investimento público en cultura, o Partido Nacional Galego incrementará notablemente a dotación neste ámbito co obxectivo de alcanzar os niveis recomendados pola Unión Europea, de tal maneira que nunca poida ser inferior ao 0,45% do PIB.

O Penegué impulsará tamén a creación dunha Academia Nacional de Historia de Galiza, onde terán presenza historiadores galegos de recoñecido prestixio polas súas investigacións e traballos a favor da memoria nacional galega. Serán eles os que proverán consello para establecer as liñas básicas de programación de ensino de Historia no sistema educativo galego. Á súa vez, creamos o Centro Nacional de Excelencia da Música Tradicional para formar os novos músicos seguindo o modelo existente en Escocia, e transformaremos o Auditorio de Galiza en Santiago nun auténtico e verdadeiro Auditorio Nacional de Galiza como sede permanente da Real Filharmonía Nacional de Galiza.

Desenvolveránse políticas de promoción do cinema, teatro e música galegas. No caso do cinema, buscaremos financiar películas e documentais que traten da nosa historia e da nosa memoria colectiva. Crearemos ou redimensionaremos unha rede de Museos Nacionais que traten os distintos aspectos do noso legado nacional, principalmente nos campos de Antropoloxía, Artes, Historia, Arqueoloxía, Emigración, Mundo Campesiño e Mariñeiro, ou a Memoria da Represión durante a Ditadura Española. Igualmente levaremos a termo unha política de redimensionamiento dos museos actuais e a apertura doutros novos nunha rede de Museos Nacionais con sede central nun edificio emblemático e ben localizado e cunha imaxe corporativa e un sistema de xestión unificado. Nesta rede podería incluírse tamén un Museo do Traxe, Danza e Música tradicionais, outro das Ciencias Naturais, un gran e único Museo Nacional Romano en Lugo, o Museo Nacional de Pintura e Belas Artes en Coruña, un Museo Nacional da Industria e Innovación ou un Museo Nacional da Galiza Antiga en Pontevedra, así como un Museo Nacional de Historia Medieval nun castelo, seguindo o modelo de Liechtenstein. Crearase tamén un Museo Nacional da Emigración seguindo o modelo do Museo EPIC irlandés.

Máis alá destes museos de carácter científico, histórico ou cultural, o PNG quere impulsar museos populares e de lecer, seguindo modelos doutros países. Neste sentido aspira a abrir un Museo de Cera, onde se reproduzan personaxes e escenarios importantes relacionados coa historia e sociedade galegas, seguindo o modelo de dioramas e interactividade co público, que estaría de forma permanente na Cidade da Cultura. No Gaiás poderíase crear tamén un Museo Interactivo das festas galaicas e das romarías populares. Doutra banda, avogamos por seguir o modelo escandinavo xa tamén presente noutras zonas de Europa, como Francia, Inglaterra ou Países Baixos, dos museos ao aire libre da vida rural, onde persoas vivas reproduzan os distintos oficios tradicionais en distintos edificios da arquitectura tradicional. Igualmente, o Penegué quere abrir un parque temático que reproduza a civilización galaica e romana, a galaico-sueva e a medieval. Para lograr estes obxectivos o Penegué entende que o goberno galego debe ter a xestión total dos museos, arquivos e bibliotecas presentes en Galiza.

Á súa vez crearemos a Biblioteca e Arquivo Nacional no Gaiás con forte presenza física e online mediante unha potente dixitalización de fondos como institucións de cabeceira da Rede Nacional Galega de Bibliotecas. Impulsaremos igualmente todos os nosos grandes creadores e creadoras artísticos/as de maior notoriedade e tamén novos creadores/as , en ámbitos como a música, cinema, teatro, artes plásticas e literatura. Tamén recuperaremos os Premios Nacionais Galegos e incorporaremos a eles modalidades tanto culturais como doutros ámbitos.

Crearase unha rede nacional do patrimonio material e inmaterial con ampla dotación orzamentaria e de recursos humanos baixo a marca de Patrimonio Nacional Galego, onde se integrarán todos os departamentos da Xunta relacionados co patrimonio e que xestionará todas as políticas públicas nese ámbito. O PNG reclamará tamén a restitución e volta a Galiza do seu patrimonio arqueolóxico (como os torques de MAN en Madrid), así como toda a documentación dos mosteiros e outras institucións levadas ao arquivo nacional español ou que están en Salamanca.

O Penegué promoverá tamén a inauguración de monumentos e nomes de rúas que recuperen a nosa historia nacional. Como primeira medida simbólica queremos que a Alameda de Santiago se pase a chamar Alameda dos Reis Galegos, con estatuas de todos os Reis de Galiza ao longo da historia. Crearemos tamén o Panteón Nacional de Galiza que estará integrado polo Panteón dos Reis (actualmente na Catedral de Santiago) e o Panteón de Galegos Ilustres de Bonaval, tamén en Santiago de Compostela.

Entendemos tamén que o Camiño de Santiago é imprescindible para dar a coñecer o noso País, tanto enfocado ao turismo relixioso como ao turismo cultural. Para iso o PNG coidará de forma permanente o Camiño en todos os tramos galegos (francés, inglés, portugués, do Norte, da Ruta da Prata), e tamén promoverá a mellora da sinalización e a instalación de paneis informativos duradeiros nos mencionados tramos. Procuraremos usar Santiago de Compostela como punto de partida para promover o turismo para o conxunto do territorio galego, tentando que a riqueza do turismo cultural se espalle a todos os puntos onde teñamos un enorme patrimonio histórico-artístico, principalmente o legado galaico, romano, románico e barroco.

Máis aló da promoción da igualdade e da saúde na práctica do deporte, o PNG organizará eventos protagonizados polas seleccións nacionais galegas, avogando pola súa oficialidade.

Fomentaremos a práctica dos deportes galaicos tradicionais como medio para a súa supervivencia e tamén como elemento do noso patrimonio nacional inmaterial. Para iso comezaremos por impulsar unha liga de fútbol galaico con equipos representando as distintas comarcas do País. Igualmente impulsaremos o escutismo en Galiza entre a mocidade, como forma de socializar e coñecer con maior profundidade a natureza e a historia de Galiza. Para iso os exploradores e exploradoras terán, mesmo, denominacións relacionadas coa nosa historia, como poderían ser os dragóns (verdes) para os mozos, ou leoas (vermellas) para as mozas.

Impulsaremos e financiaremos o asociacionismo que impulse excursións a lugares emblemáticos de Galiza ou que recuperen festas tradicionais galaicas.