O Penegué fala de linguas, pois dúas son as linguas oficiais que existen en Galiza: o galego e o castelán. E as dúas son galegas, aínda que unha sexa a propia e outra viñese despois. Ningunha é unha lingua estranxeira. Somos conscientes de que o castelán é a lingua de uso habitual de moitas familias galegas e de que mesmo existen familias castelán falantes desde fai dúas xeracións ou máis. Galegas son todas as persoas, e a súa identidade pode ser nacional galega, española, ou ambas, con independencia da lingua que falen. Neste sentido desde o PNG apostamos polo bilingüismo restitutorio como unha forma de garantir os dereitos lingüísticos de todas as persoas residentes en Galiza.

BILINGÜISMO RESTITUTIVO

Unha vez establecido este principio básico, tamén estamos a favor de a igualdade lingüística de todos os falantes, falen a lingua que falen. Por desgraza, a realidade é que actualmente hai unha discriminación produto do nacionalismo español, reflectido nunha lexislación uniformadora onde a propia Constitución Española establece a primacía do castelán sobre as demais linguas e que pretende relegar ao galego a unha posición ritual no público, e testemuñal e meramente coloquial na vida social real. As forzas políticas españolistas avalan esta inxusta lexislación. O PNG está en contra dos nacionalismos, pois nacionalista tamén é o que tenta impor a súa nación, lingua e cultura sobre outras nacións, neste caso a nación española sobre outros presentes no mesmo Estado, como son Galiza, Cataluña ou Euskadi.

Para superar esta situación de desigualdade, o PNG propón a derrogación inmediata do Decreto de Plurilingüismo da Xunta de Galiza aprobado polo PP e a súa substitución por un Plan de Igualdade Lingüística (P.I.L.) coa finalidade, inspirada nos principios do chamado Bilingüismo Restitutivo, de lograr a igualdade real e efectiva dos galegos falen o que falen, e non apenas unha igualdade formal. O PNG nunca buscará que os castelán falantes perdan dereitos, senón que o galegofalantes gocen dos seus mesmos dereitos, culturais e lingüísticos. O Penegué quere que exista, socialmente falando, a garantía de que as dúas comunidades lingüísticas existentes en Galiza poidan exercer a súa vida plenamente na súa lingua, logrando así unha sociedade máis xusta, equitativa e realmente bilingüe.

O modelo que propón actualmente o nacionalismo español é, na práctica, un modelo de Estado mononacional e monolingüe. Legalmente hai, en termos formais, dúas linguas oficiais, e os galegofalantes teñen recoñecidos os seus dereitos lingüísticos individuais. Pero en realidade estes mesmo galegofalantes non poden gozar destes dereitos na maioría dos ámbitos sociais de carácter público, como na xustiza, sanidade, carteis públicos, facturas, textos xurídicos, educación, cinema, empresas, comercio, medios de comunicación, libros… etc. Como máximo poden facer uso destes dereitos dunha forma puntual e marxinal en comparación coas posibilidades do español falantes. Os castelán-falantes non necesitan garantías para o uso da súa lingua ou para a supervivencia do español en Galiza. Calquera persoa pode vivir totalmente en castelán sen necesitar o galego en ningún momento. Xa ocorre cunha parte significativa de habitantes de cidades e de pobos. Pero incluso as persoas que habitan nas aldeas máis afastadas non poden vivir sen ter que recorrer constantemente ao castelán.

Por tanto, o PNG traballará por alcanzar a equivalencia en dereitos reais das persoas nos campos lingüístico e cultural mediante unha política de normalización orientada ao bilingüismo restitutivo ou galeguizador fronte ao bilingüismo sustitutivo ou castelanizador que defenden actualmente na nosa terra as forzas nacionalistas españolas. Igual que un goberno non pode ser neutral no económico, tentando garantir a dignidade material mínima para toda a cidadanía, do mesmo xeito debe tentar garantir esa dignidade lingüística e cultural como elemento de identidade dos individuos para toda a cidadanía, falen a lingua que falen, e teñan a identidade nacional que teñan.

Entre as medidas máis inmediatas e importantes que o PNG tentaría efectuar serían a preferencia do uso do galego como lingua de inicio na atención á cidadanía, o seu uso prioritario na documentación pública, un servizo de tradución gratuita para xuíces, notarios e rexistradores da propiedade para elaborar os seus textos en galego e a obrigatoriedade do coñecemento do galego por parte de todas as persoas que traballen na xustiza, notarías e rexistros en Galiza. O Penegué defende o uso do galego no ensino na maioría das materias, seguindo o modelo catalán, que goza de gran consenso social. Tamén impulsaría o uso do galego nos medios de comunicación públicos, coa oferta de galego na dobraxe e subtitulado de todas as películas, series e documentais que se emitan nas canles públicas de televisión, como TVE ou TVG. Creación de tres canles máis da TVG, un dedicado só ao público infantil, outro dedicado á memoria, cultura e historia galegas, e un terceiro con noticias e reportaxes de actualidade nacional, estatal e internacional as 24 horas do día. A actual segunda canle da TVG sería exclusivamente para os deportes, entre eles os tradicionais galegos. En relación coa política do libro e bibliotecas, priorizarase a compra de traducións portuguesas en lugar das traducións ao castelán cando non existan edicións galegas dos libros en cuestión. De calquera xeito, deberase garantir o pleno dereito das persoas a acceder á lectura en galego en calquera das súas variantes.

O Penegué aposta pola creación dun servizo de dobraxe de películas para o galego que sería ofrecido gratuitamente aos distribuidores de cinema. Dobraxe automática e inmediata de todas as películas, tanto galegas como españolas ou de fóra do Estado, que teñan algunha relación con Galiza. E dobraxe de películas antigas que tivesen algunha relación con Galiza, incluídas as feitas durante o franquismo. Creación dun portal web onde estean a disposición todas as películas, documentais, curtametraxes e outros produtos audiovisuais galegos.

EL PNG exigirá legalmente el etiquetado de todos los productos gallegos también en gallego, y no solo en castellano, como imponen hoy las leyes españolas. Rebajas en la tributación en los tramos gallegos a las empresas que funcionen en gallego, con independencia de que usen o no el castellano también, como puede ser el caso de restaurantes u otro tipo de comercios de cara al público. Creación de un Observatorio Nacional de los derechos lingüísticos y contra la discriminación lingüística.

O castelán está presente en todos os medios de comunicación, como canles privadas, emisoras de radio, prensa, Internet, libros, empresas privadas, cinemas, hostalaría, o que fai posible que toda a poboación galega domine o castelán perfectamente, máis aló do ensino que se fai do castelán e da literatura castelá ao longo de todos os cursos de ensino. A realidade galega indícanos que todos os galegofalantes saben falar castelán, pero que hai millares de galegas e galegos, principalmente nas zonas urbanas, que son castelán falantes, pero incapaces de falar galego. O PNG tentará corrixir esta situación de desigualdade alí onde poida influir ou gobernar.

Quanto ao inglês, como língua franca internacional, darase-lhe uma importante atenção na aplicação duma política nacional sólida e consistente para melhorar as competências dos galegos e galegas nessa língua seguindo modelos de sucesso levados a termo noutros países.

BINORMATIVISMO

O Penegué entende que o binormativismo para o galego é a mellor solución para resolver o xa vello debate sobre a ortografía a usar para o galego. O binormativismo é a coexistencia en paridade legal de dous modelos gráficos para representar unha lingua: unha ortografía máis local e outra compartida con varios Estados. Ambos co mesmo recoñecemento legal. Existen en Europa varios países binormativistas, sempre avanzados económica e socialmente, como son o caso de Luxemburgo (alemán padrón e variante luxemburguesa), Noruega (unha norma semellante ao sueco e outra que recolle as variantes occidentais do idioma noruegués), ou o caso de Flandes, en Bélxica, onde había unha norma do flamenco máis dialectal e rexionalizante e hoxe é usada a ortografía neerlandesa, que comparten o flamengo e o holandés. Para o galego poderían estar vixentes dúas formas ortográficas: unha que recolle as variantes galegas con base nunha ortografía próxima ao español, que é a da R.A.G., vixente hoxe no ensino e na administración, e outra que sexa a do portugués (ou galego internacional) do Acordo Ortográfico, que unificou todas as variantes do (denominado pola Filoloxía Románica) galego-portugués, que inclúe a variante portuguesa, brasileira, angolana, mozambicana e a galega, pois hai unha delegación galega que participou no Acordo e introduciu léxico galego nos dicionarios de portugués.

Para o PNG as vantaxes do binormativismo serían varias. Lograr a colaboración entre as dúas posturas do galego-falantes e reforzar o léxico e as estruturas do galego nun sentido ou outro. Animar aos castelán falantes a escribir e falar en galego, ao cal se poderían aproximar por máis motivos: culturais ou sentimentais no caso da ortografía R.A.G ou tamén económicos e profesionais no caso da ortografía do A.O. (Acordo Ortográfico). Máis aló disto, no noso caso, ambas as ortografías para o galego son perfectamente comprensibles entre si e non hai conflito social entre os usuarios dunha norma ou outra, apenas diferentes puntos de vista no ámbito cultural. E finalmente, no contexto da Unión Europea e da Euro-Rexión Galiza-Norte de Portugal, hai unha relación económica, cultural, humana e comercial cada vez máis estreita con Portugal, e o coñecemento do portugués fai que dispoñamos dunha segunda lingua de uso para incrementar as nosas posibilidades profesionais, así como as relacións económicas e empresariais con países de gran dimensión demográfica, como son os casos de Brasil e Angola.

Para levar isto a cabo, o Penegué simplemente implementaría e dotaría de orzamento á Lei Paz Andrade, xa aprobada polo Parlamento Galego por unanimidade, e que establece a promoción do coñecemento do portugués no ensino. Recuperaremos, como se facía no ensino galego dos anos 80, o coñecemento das literaturas lusófonas, como a portuguesa e a brasileira. O PNG ten tamén a firme vontade de traballar pola implementación da directiva europea chamada “Televisión sen fronteiras” para que se podan ver as canles de TV públicas portuguesas en todo o territorio nacional galego. E para deixar que sexan as propias persoas as que libremente elixan a súa ortografía de uso para o galego, deixando que a propia sociedade civil e as persoas tomen a decisión que consideren máis oportuna, sen presións nin coaccións de ningunha clase, o Penegué prohibirá calquera discriminación aos usuarios do galego internacional en ningún ámbito social de Galiza, sexa no ensino, o traballo, o mundo da cultura e das artes ou na súa relación coa administración. Finalmente, o PNG quere que Galiza multiplique a súa presenza institucional, civil e cultural no ámbito da Lusofonía, e a súa integración na CPLP (Comunidade de Países de Lingua Portuguesa), como medio para alargar os horizontes comerciais, económicos, culturais e lingüísticos no noso País, máis aló da presenza que xa ten en Europa e América.