O PNG impulsará un plan integral de protección da paisaxe galega como elemento de identidade nacional, vixiando especialmente todos aqueles elementos que pola súa significación simbólica representen un valor especial de protección non só a nivel ecolóxico, senón tamén a nivel social e histórico. Nesta sensibilización pola paisaxe impulsaremos un camiño da costa galega que teña un percorrido ecolóxico integral. Tamén impulsaremos políticas de desenvolvemento do bosque atlántico e a potenciación de especies autóctonas como elementos xeradores de riqueza, seguindo modelos como o de Finlandia. Á súa vez, crearemos unha rede nacional galega de parques naturais ampliando notablemente o número de parques e a superficie actual de áreas protexidas.

O Penegué lexislará para que os proxectos de xeración de enerxías alternativas e renovables teñan en conta e respecten as características naturais do País e, en todo caso, paralizar e prohibir todo tipo de iniciativa empresarial puramente extractiva que implique maiores danos que beneficios para o interese xeral de Galiza e que poida afectar negativamente á poboación da área, o medio ambiente, o territorio ou a paisaxe.

No desenvolvemento dunha política nacional de residuos moderna que termine co descontrol actual, o PNG apostará de forma decidida pola reciclaxe, o castigo fiscal dos produtos con envases superfluos e aplicará o modelo de cobro por cascos de botella e a recuperación dese diñeiro por levalos de volta ao supermercado, aplicando sistemas que xa funcionan en numerosos países europeos, como Alemaña ou Dinamarca. SOGAMA será reorientada para evitar a acumulación das montañas de residuos urbanos que hai actualmente na comarca de Ordes. A educación ambiental será un elemento central das políticas educativas a desenvolver con nenos/as e con persoas adultas.

O Penegué procurará que se leve a cabo un auténtico sistema de prevención de riscos de verteduras no mar, para evitar un novo Prestige, pois aínda hoxe non levaron a cabo todas as medidas necesarias. Reclamará ao goberno español a xestión integral de todos os parques, ríos e presas presentes no territorio galego. No caso de zonas compartidas con outras do Estado español procurarase unha coxestión consensuada, sexa con outros gobernos territoriais, sexa co goberno do Estado.

O Penegué esixirá a atribución exclusiva das competencias de urbanismo para o goberno galego, acompañada dunha dotación adecuada e retirándolle estas competencias aos municipios a causa do descontrol existente. Deseñará unha ordenación racional do territorio tentando promover os usos económicos máis adecuados para cada tipo de terreo ou zona xeográfica, principalmente as costas e montañas. Impulsarase tamén o turismo verde e o turismo de costa a través de entidades como a Marca Galiza.

En relación co benestar e os dereitos dos animais, prohibiremos totalmente a celebración de corridas de touros e endureceremos as penas mediante a aprobación de leis contra os maltrato animal, dotando de medios unha Policía Ambiental orientada a perseguir os malos tratos a animais, os pirómanos, as verteduras descontroladas, a polución industrial e os delitos ecolóxicos en xeral.

Esixiremos que os propietarios teñan os montes limpos, e no caso de non facelo, serán os municipios os encargados desas tarefas de limpeza, cobrando os servizos aos propietarios correspondentes. No caso de que non paguen, haberá unha multa que, mesmo nos casos máis graves de falta de pagamento, poderá supor a expropiación das leiras polo valor da multa.

Elaborarase unha nova regulación da caza máis estrita e pormenorizada. Os coutos de caza serán en terreos privados, estando prohibida a caza en espazos públicos, excepto no caso de batidas puntuais e controladas por funcionarios públicos nos casos de perigo para a cidadanía como poden ser os xabarís. Aceleraranse as indemnizacións aos propietarios de gando por ataques de lobos.

Haberá un control da Administración das mascotas, con fiscalización periódica de cans e gatos para comprobar que todos teñen chip. No caso de non telo, establecerase un sistema de fortes multas por cada can, gato ou mascota sen rexistro. A Policía Ambiental especializada será a encargada de velar tamén polo benestar de animais en granxas de produción industrial e outros ámbitos. O PNG desenvolverá unha lexislación máis avanzada nese ámbito seguindo as últimas tendencias a nivel europeo.

Reforzo e maior financiamento público de refuxios de animais e garantías de estabilidade laboral para os seus empregados. Desgravación no IRPF da cidadanía coa presentación de facturas de gastos feitos polo coidado dos animais como mascotas, tanto pola alimentación e medicamentos como pola atención veterinaria por revisións ou atención médica. Os valores e contidos relativos aos dereitos e benestar animal serán tamén incluídos nos currículos escolares dos mozos e na educación dos adultos.