Unha parte importante da cidadanía de Galiza que ten unha identidade nacional galega quere traballar por un País próspero e respectuoso con todas as sensibilidades sociais e culturais. Aspiramos a que Galiza dispoña de soberanía plena para decidir como quere estar integrada dentro do Estado, ou mesmo se quere seguir formando parte do Estado español. Para garantir isto só hai unha maneira: respectar a vontade maioritaria dos galegos e galegas para decidir o que Galiza debe ser en cada momento da súa historia: unha autonomía, unha federación ou un Estado, partindo sempre do respecto á vontade democrática da maioría galega. Non somos nacionalistas. Se algunha definición pódese dar de nós é que somos simplemente soberanistas, defensores da liberdade das nacións e, por extensión, das persoas. Calquera nación, se existe unha ampla vontade democrática, ten dereito a decidir como quere estar no mundo.

Máis aló dos avatares e diferentes situacións de Galiza ao longo da súa xa longa historia de máis de 1600 anos de existencia como entidade política, o que máis preocupa ao PNG é o benestar dos galegos e galegas de hoxe e do futuro. E iso pasa por defender os nosos intereses económicos, única maneira de garantir benestar, riqueza e felicidade. Para o Penegué iso só é posible cun sistema de economía de mercado con rostro humano, onde se defenda a liberdade de emprender para xerar riqueza, parte da cal debe ser usada para garantir que todas as persoas en Galiza teñan unhas condicións materiais dignas.

Entendemos que outro obxectivo fundamental é deter ou dificultar o actual espolio dos nosos recursos naturais, que están a ser explotados por grandes empresas que nin sequera pagan os seus impostos en Galiza, senón en Madrid ou noutras áreas do mundo. Debemos recuperar a soberanía sobre os nosos propios recursos e adaptar a lexislación e administración á nosa realidade. En definitiva, hai que pór o País ao servizo das persoas, e non as persoas ao servizo de intereses alleos a Galiza.