O PNG esixirá a representación real e directa de Galiza, tanto do goberno como dos seus axentes sociais se fose o caso, nos distintos organismos da Unión Europea, principalmente mediante a presenza de representantes do goberno galego nas COREPER (Comités de Representación Permanente), sempre que se traten temas que afecten preferente ou exclusivamente a Galiza, tanto a nivel económico como a nivel social ou político.

Ademais disto, o Penegué aprofundará nas relacións cos países do ámbito lusófono e hispanófono e con todos aqueles Estados do mundo que, por interese cultural, económico ou comercial, poidan impulsar ou reforzar os intereses dos distintos sectores empresariais galegos e da sociedade galega no seu conxunto.

Igualmente, o noso partido tentará dar unha dimensión internacional ao noso País, dándoo a coñecer mediante a Marca Galiza en delegacións situadas estratexicamente para defender mellor os nosos intereses, e así mellorar o benestar e a riqueza da cidadanía galega.