O PNG creará a Garda Nacional Galega (GN) como policía integral galega con competencias exclusivas en orde pública, tráfico, protección do patrimonio, medio ambiente, benestar animal e control urbanístico. Na medida que se vaian incorporando novos efectivos á Garda Nacional irá diminuíndo en Galiza a presenza de efectivos doutras forzas de seguridade, principalmente a Policía Nacional e a Garda Civil españolas, ata a súa completa substitución. Para isso haberá que redimensionar a AGASP (Academia Galega de Seguridade Pública) e convertela na futura academia de formación da Garda Nacional. Igual que o conxunto de corpos funcionariais da Xunta de Galiza, os membros da Garda Nacional usarán o galego como lingua vehicular de inicio na atención ao cidadán. A súa presenza será inicialmente moito maior nas zonas rurais e nos pobos, e a medida que vaian substituíndo as forzas de seguridade do Estado, irán adquirindo responsabilidades no ámbito da seguridade nas sete grandes cidades.

O Penegué reclamará tamén as competencias exclusivas de Galiza na protección das costas galegas e en salvamento e socorrismo marítimo.

O PNG, seguindo o modelo de xustiza alemá, tentará que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) sexa o tribunal de última instancia, e que as competencias sobre a regulación do poder xudicial galego sexan do Parlamento galego e administradas polo goberno galego. O Penegué esixiralle ao funcionariado de xustiza que traballe en Galiza (Xuíces, secretarios, Procuradores, etc.) a obrigatoriedade de coñecer as dúas linguas oficiais do País mediante probas de selección para manter o seu posto de traballo ou para acceder a este.

O noso partido desenvolverá e implementará un Código Civil galego que regule todos os aspectos sociais propios dun código deste tipo. Estará adaptado á realidade social e cultural galega do século XXI, no canto do anticuado Código Civil español de base castelá que está vixente actualmente no noso País.

En consenso con todos os actores sociais, o Penegué impulsará a aprobación e implementación dun Dereito Laboral galego, a través dun Estatuto dos Traballadores propio e adaptado ás necesidades dos asalariados e empresarios galegos. Isto incluirá a transferencia a Galiza das competencias en materia de inspección de traballo e de relacións laborais.

Reclamaremos tamén as competencias referidas ás prisións e o sistema penal, pasando a ser ambas as de titularidade galega.