Para o PNG o máis importante para as persoas é garantirlles que formen parte dunha sociedade do benestar, para o que é necesario que a sociedade galega teña adquirido un certo nivel de riqueza que poida ser empregada para gozar en conxunto dun bo sistema universal de saúde, para o que crearemos e reforzaremos un Servizo Nacional Galego de Saúde (SERNAGAS) emulando o National Health Service (NHS) británico e outros servizos sanitarios punteiros en Europa e no mundo.

Unha educación universal, eficiente e de calidade que realmente nos faga mellores persoas e máis preparadas para entrar no mercado laboral e adaptarnos á sociedade do século XXI. Unhas prestacións de desemprego dignas para aquelas persoas que teñan a mala sorte de perder o seu posto de traballo. Unhas pensións suficientes para que os nosos maiores poidan vivir sen dificultades e unha atención e coidado para as persoas que o necesiten por falta de independencia física ou mental. Nese sentido, e para unha mellor xestión, solicitaremos a transferencia a Galiza da Seguridade Social.

O Penegué entende que o sistema de formación obrigatoria e Bacharelato debe complementarse cunha xestión eficiente do SUG (Sistema Universitario Galego) e da Formación Profesional, seguindo o modelo alemán, pois esta é indispensable para ter unha sociedade ben preparada tecnicamente nos máis diversos campos sociais e económicos.

IGUALDADE NA DIVERSIDADE

O PNG é un partido enfocado nas persoas, e por iso manterá unha actitude de denuncia constante de toda negación das liberdades dos individuos en calquera aspecto da súa vida. Neste sentido apoiará e traballará por todos aqueles individuos que por calquera motivo padezan discriminación, tanto mulleres como maiores, nenos e nenas, xente discapacitada, homosexuais, inmigrantes, pola lingua que falen, pola súa identidade nacional ou pola súa ideoloxía. Para iso o Penegué defende unha serie de medidas e cambios, entre os cales as primeiras que tentaría facer efectivas serían:

Un incremento da dotación orzamentaria para a atención ás persoas maltratadas, a formación en xénero obrigatoria para todos os funcionarios, e un Plan Galego Integral contra os Malos Tratos, que coordine as decisións respecto dos casos de malos tratos con medidas relativas á seguridade, xustiza, atención psicolóxica, habitación e garantías económicas. Isto complementarase coa inclusión obrigatoria dunha materia de sensibilidade contra os malos tratos e a discriminación en dous cursos da E.S.O., o seguimento permanente das persoas maltratadoras, a protección real das persoas maltratadas e as maiores garantías para que sentan seguras e poidan refacer as súas vidas (e as das persoas ao seu cargo).

Ofrecer desgravacións fiscais para as empresas que vaian mellorando a distribución por sexos dos seus traballadores nun 5% anual, até alcanzar un mínimo dun 40% de mulleres no seu persoal de dirección.

A materia de sensibilidade contra os malos tratos e a discriminación tratará a igualdade de xénero nun primeiro curso escolar, mediante a sensibilización e respecto polo colectivo LGTBIQ (lesbianas, gais, bisexuais, transxénero, intersexo e queer), así como o acoso escolar e os malos tratos contra maiores e nenos/as nun segundo curso. Á súa vez, financiaremos de forma gratuíta as operacións de cambio de sexo para persoas con disforia diagnosticada e protexeremos os dereitos do colectivo LGTBIQ coa reforma do Código Penal para incluír penas maiores para os ataques homófobos ou contra transexuais, por seren ambos os dous delitos de odio.

O Penegué comprométese á emisión periódica nas canles públicas de programas que traten a educación en igualdade, películas e documentais que presenten casos reais de discriminación contra as persoas ou que falen do colectivo LGTBIQ dándolle rostro humano, así como documentais e películas que falen de casos de persecución de persoas por razón de xénero, lingua, intolerancia relixiosa, identidade nacional e tamén de casos pasados e presentes de sociedades totalitarias, para dese modo reforzar a cultura democrática das galegas e galegos.

Dereito ao aborto e ao matrimonio entre persoas do mesmo sexo tal e como está na lexislación actual, e dereito a unha morte digna a través da eutanasia, sempre que a persoa afectada o deixase previamente por escrito ou gravado en audio ou imaxe audiovisual.