O PNG entende que o deseño administrativo galego debe estar adaptado á súa realidade social, territorial e económica. Por iso non ten sentido a existencia dunhas Deputacións que corresponden a un deseño provincial totalmente artificial no noso País, xa que as comarcas, cidades, pobos e parroquias constitúen a verdadeira estrutura territorial. En consecuencia, propomos a supresión ou baleirado destas entidades para traspasar as súas competencias a outros niveis administrativos, principalmente Xunta e municipios.

Entendemos igualmente que o máis adecuado para reflectir a vontade democrática da cidadanía galega sen manipulacións é unha circunscrición electoral única nas eleccións galegas, españolas e europeas, para o que propomos unha reforma profunda da Lei Electoral. Para iso comezaremos pola circunscrición electoral autonómica xa que o Parlamento Galego ten competencias para realizar este primeiro cambio lexislativo.

Dentro dese redimensionamiento administrativo outorgaremos natureza xurídico-política coa correspondente dotación orzamentaria ás parroquias de carácter rural nos municipios que teñan entidades destas características. Nas zonas urbanas entendemos que a división en distritos é a máis adecuada para as sete grandes cidades, e impulsaremos decididamente as áreas metropolitanas nas zonas urbanas, e as comarcas no resto do País, para dese modo racionalizar os gastos do orzamento público destinado a equipamento e infraestruturas, tales como medios de transporte, tratamento de residuos, sistemas de canos, depuradoras, bombeiros... etc.

Esta reforma administrativa debe pasar por un aumento da autonomía municipal mediante un alongamento das competencias e a súa dotación orzamentaria correspondente, pois non ten sentido aprobar reformas administrativas se non se garante a súa efectividade cun financiamento adecuado para implementalas.

O Penegué quere implementar unha administración moderna, transparente e eficiente, con control e persecución dos comportamentos clientelares mediante a creación dunha policía fiscal como división dentro da futura Policía Nacional Galega que investigue as denuncias de corrupción na xestión de administracións públicas. Avogamos tamén pola eliminación total do persoal que participe na administración por designación política (como ocorre en países como Dinamarca).

Queremos elaborar unha reforma consensuada dos procesos de acceso ao corpo da función pública, tendo en conta en moita maior medida os factores meritocráticos, inspirándonos en modelos de éxito como o británico ou o danés.

Eliminaremos as duplicidades administrativas ou organismos criados ad hoc por intereses partidistas e tamén os privilexios económicos e de status xurídico dos deputados do parlamento en calquera asunto que non teña que ver coa súa actividade representativa.

Articularemos dunha forma homoxénea e equilibrada unha Rede Nacional Galega de Comunicacións. Para iso será necesario que o goberno galego controle e administre de forma exclusiva esta Rede. A Rede incluiría todas as estradas, vías de ferrocarril, aeroportos e portos que estean no noso territorio. No caso de infraestruturas compartidas con outros territorios do Estado (estradas, vías de ferrocarril, etc.) calquera decisión terá que tomarse por consenso entre as dúas partes, tanto co goberno doutros CC.AA. como co goberno do Estado.

Coordinándose cos seus gobernos municipais, o goberno galego tentará mellorar e perfeccionar os sistemas de buses urbanos para lograr unha maior eficiencia do servizo no sete grandes cidades. Tamén impulsaremos a creación dunha rede de carrís-bici.

Queremos unha rede de Internet e de calidade en todo o territorio, principalmente nas zonas rurais, e queremos tamén crear unha rede gratuíta de autoestradas, comezando pola transferencia inmediata da xestión a Galiza das vías de alta capacidade AP-9, A-52, A-54, A-6 e A-8 nos tramos que transcorren polo noso País. Á súa vez, melloraremos significativamente os trens de proximidade, ao ser indispensables para a conexión interna das distintas zonas do territorio galego.

O Penegué reforzará o aeroporto de Lavacolla como o aeroporto central de Galiza, procurando que a oferta de voos internacionais sexa complementaria cos que ofrece o aeroporto Sá Carneiro do Porto para dese modo evitar duplicidades co que é agora, de feito, o verdadeiro aeroporto internacional de Galiza.

Aquelas administracións, locais, comarcais, provinciais ou nacionais, onde o PNG goberne, realizarán a maior parte das súas transaccións económicas (pago de salarios, taxas, etc.) en bancos de titularidade galega e sede social en Galiza.

Por último, o PNG reclamará para Galiza o fuso horario GMT+0, que é o que lle corresponde pola súa situación xeográfica na mesma latitude que Portugal, Canarias ou o Reino Unido.