• Desde o Partido Nacional Galego impulsaremos a cultura empreendedora e a prosperidade económica da Galiza definindo unha estratexia sólida e sustentábel de desenvolvemento a longo termo mediante o apoio lexislativo e fiscal aos autónomos, as PEMES e as Startups, o impulso decidido do I+D+i, do deseño e da transformación dixital.
  • Garantiremos unha sanidade, educación e servizos sociais universais e de calidade, onde ninguén fique socialmente excluído por razóns económicas.
  • Aspiramos un incremento progresivo da capacidade de decisión galega dentro da Unión Europea en todos aqueles aspectos de carácter político, económico e fiscal que favorezan os intereses das persoas que residen na Galiza.
  • Traballaremos para que a Galiza asuma progresivamente as competencias no ámbito das infraestruturas, educación, cultura, xustiza e seguridade cidadá, e para unha articulación eficiente do País.
  • Potenciaremos a cultura do País mediante a protección e divulgación do seu patrimonio histórico e cultural, material e inmaterial, e o impulso da creatividade nos distintos ámbitos artísticos.
  • Garantiremos os dereitos lingüísticos das persoas a través do bilinguismo restitutivo e do binormativismo para o galego.
  • Defenderemos os dereitos das mulleres, das persoas maltratadas e do colectivo LGBTIQ, a igualdade entre relixións, o dereito á eutanasia, o aborto libre e regulado e o consumo legal de drogas brandas.
  • Protexeremos a paisaxe galega como elemento de identidade nacional, garantindo a súa sustentabilidade ecolóxica, e combateremos o maltrato animal, as touradas, o abandono de mascotes e a caza en espazos públicos.
  • Impulsaremos as seleccións nacionais deportivas galegas e promoveremos os deportes tradicionais galaicos.
  • Incrementaremos significativamente a presenza internacional da Galiza, mediante a súa representación directa nos organismos europeos e mundiais, o impulso da Marca Galiza e o aprofundamento das súas relacións cos países lusófonos.