O Partido Nacional Galego (PNG) é un partido político galego de carácter transversal que ten como fin fundamental o desenvolvemento nacional da Galiza a todos os niveis.

Para iso, o Penegué impulsará políticas que melloren as condicións económicas, sociais, culturais e ambientais da cidadanía, fomentando a consciencia nacional galega de forma que a Galiza poida atinxir a soberanía necesaria para poder levar a cabo políticas reais que incidan na calidade de vida dos galegos e galegas.

O PNG promoverá, así mesmo, unha maior integración da Galiza nas áreas culturais e lingüísticas que lle son máis próximas, nomeadamente nos ámbitos da lusofonía, hispanofonía e da UE.

A forma de funcionamento do Penegué estará sempre alicerzada nos valores democráticos, no diálogo constante e non dogmático coa sociedade e na garantía dos dereitos das persoas e o benestar dos animais, todo isto no contexto dun desenvolvemento sustentábel e respectuoso para co ambiente da Galiza e do conxunto do planeta.